jueves, 29 de noviembre de 2012

Docu-documentación

Debo dicir que na miña casa toda a vida estivo (e está) posta a TVG e cando hai tempo escóitase a Radio Galega pero, ata agora, non sabía moi ben de onde viña e cara a onde ía todo o material que estes dous medios (nas súas diversas canles e tamén na páxina web) nos ofrecen.

Pois ben, esa dúbida xa quedou solventada desde o momento en que os alumnos do Grao en Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela tivemos a oportunidade de visitar o Centro de Documentación da CRTVG.

Alí explicáronnos como funciona un traballo que para moitos será tedioso e rutineiro, pero que garda o seu encanto (sempre e cando che guste o mundo da tecnoloxía e os soportes de audio e vídeo e sexas unha persoa bastante organizada, he he). Neses 400 (creo que eran) metros cadrados gárdase a memoria audiovisual da Galicia dos últimos case trinta anos en diversos formatos, desde rolos similares aos do cinema con capacidade para dúas horas ata os formatos actuais máis compactos.

Tamén fomos partícipes de como se clasifica todo o entramado de series, declaracións recollidas para os telexornais, publicidade, películas e todo o que podemos ver e escoitar cando sintonizamos algunha das canles da  CRTVG.


Coido que esta visita non foi unha visita baladí, que aprendimos como se clasifica toda a información para saber como reutilizala e botar man dela para futuras pezas porque case todo está inventado e case sempre, cando elaboramos unha información, nos decatamos de que ten conexíón ou base en feitos anteriores. Para isto é útil o Centro de Documentación, para saber localizar e poder botar man de contidos que lle axudan moito ao xornalista.

Seguramente agora todos valoramos moito máis o traballo (case sempre a contrarreloxo) dos documentalistas. Sinxelamente impresionante.

domingo, 4 de noviembre de 2012

Síndrome da Inmunodeficiencia Social ou como tirar por terra o pouco que obtiveramos.


Síndrome da Inmunodeficiencia Social ou como tirar por terra o pouco que obtiveramos.


RESUMO:
Este artigo de José Antonio Marina recollido en El Mundo Orbyt trata algúns dos temas de maior actualidade na sociedade de hoxe en día, como pode ser a corrupción ou a desconfianza nalgúns axentes políticos e sociais, agravada nos últimos tempos por mor da crise económica.
Marina establece un símil entre un síndrome de inmunodeficiencia e estas lacras que quere mostrar de xeito que adopta o termo “síndrome de inmunodeficiencia social” que ten como principais infeccións a corrupción, a carencia de pensamento crítico, a proliferación de actos delictivos por parte daqueles que controlan os poderes públicos ou a convicción nos cidadáns de que todo desaforo queda impune.
O autor tamén describe como se desenrola este síndrome xa que fala de que a tolerancia a estes delitos é similar  á tolerancia que a droga produce no organismo dos seres humanos, de xeito que cada vez necesitamos que estas fraudes á sociedade sexan máis avultadas para decatarnos de que existen.
Con todo, José Antonio Marina non se dedica soamente a mostrar a situación do sistema que el observa, tamén ofrece posibles solucións a ela mediante a crítica construtiva dos cidadáns ou a participación de todos e todas para lograr progresar  conxuntamente como unha sociedade.
Finalmente, reserva un oco desta peza para falar das institucións básicas que forman parte do conxunto da sociedade actual (democracia, tecnoloxía, racionalidade científica e mercado libre), institucións que el denomina “suicidas” por ser enormemente perigosas se non se someten ao marco ético axeitado.



AS CLAVES:
Neste apartado centrareime en palabras técnicas ou algunhas expresións descoñecidas que emprega o autor e tamén tentarei indagar nalgunhas curiosidades que gardan relación coa temática do texto.

*Síndrome: a Real Academia Española da Lingua define o termo “síndrome” como “conjunto de síntomas característicos de una enfermedad” ou “conjunto de fenómenos que caracterizan una situación determinada”. Neste caso, os fenómenos que caracterizan esta enfermidade é, tal e como se citou anteriormente, o deterioro da situación que vive a sociedade, na que impera a desconfianza na clase política e nos encargados de levarnos por un bo camiño.

*Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA). Paréceme oportuno facer breve mención a esta enfermidade, non só por ser a base do símil que emprega o autor, senón pola súa importancia na sociedade moderna que deixa abandonada á súa sorte á meirande parte dos que a padecen, especialmente no continente africano.
O Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida é unha enfermidade que se desenvolve a consecuencia da progresiva destrución do sistema inmunitario (as defensas) do noso organismo. Esta destrución ven dada polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (VIH) e ten como consecuencia a aparición de diversas infeccións, procesos tumorais, etc.
O SIDA transmítese principalmente por transfusións de sangue, intercambio de agullas, vía sexual ou materno-filial e a medicina non parece atoparse preto de encontrarlle unha cura, non só pola extrema dificultade das investigacións, senón polo escaso apoio das grandes compañías farmacéuticas.

*Patóxeno: un patóxeno é calquera microorganismo capaz de producir unha enfermidade infecciosa. Entre os patóxenos están incluídos os virus, as bacterias e os protozoos entre outros. Para o noso caso, os patóxenos  que atacan o organismo da sociedade son a corrupción política, a proliferación de casos delictivos, a carencia de pensamento crítico da sociedade ou a tolerancia ás accións irregulares ou fraudulentas dos “altos mandos” da sociedade.

*Bases do pensamento crítico: indagando un pouco na internet cheguei a unha sinxela presentación que mostra diferentes características do pensamento crítico tan ausente na actualidade para o autor do texto. Algunhas destas características poden ser: identificar, cuestionar, comparar, clasificar, analizar, sintentizar, evaluar, formular hipóteses, etc. algo que certamente notamos en falta hoxe en día polo que considero que deberiamos retomar o camiño do pensamento crítico e deixar o “laissez faire, laissez passer” no que nos atopamos mediante o cal non intentamos mudar a situación imperante.

*Informe Crick: unha das poucas dúbidas que me deixou o texto foi saber que sería o “informe Crik”, de xeito que me volvín a poñer “mans á obra” para atopar algo de información sobre este informe que se lle presentou ao Goberno do Reino Unido e que estivo dirixido polo teórico político Bernard Crick.
Este informe plantexa tres ambiciosos obxectivos aos que debe aspirar a mocidade do futuro: fomento da responsabilidade social e moral, fomento da implicación comunitaria e ampliación da cultura política.
Na miña opinión son plantexamentos e obxectivos correctos, xa que grande parte deste “laissez faire” que citaba antes creo que está motivado polo descoñecemento que a cidadanía ten do organigrama interno das institucións públicas e privadas, dos partidos políticos e outro tipo de organizacións. Por isto, sería aconsellable aumentar a nosa bagaxe neste tipo de coñecementos para tentar lograr entre todos unha sociedade máis “limpa”, por dicilo dalgunha maneira.

*Querelas: e para rematar... un caso de chiste! En relación co que o autor mostra sobre a facilidade coa que se querela neste país, unha mostra de como este tipo de procedementos xudiciais poden chegar a facer que unha maxistrada abandone o seu posto de traballo e se agarre á primeira praza que sae a concurso, froito da intensa actividade do xulgado de Alcobendas, derivada do alto número  de querelas presentadas contra o programa “Sálvame”. Remato coas declaracións da maxistrada: «Lo dejo, no puedo más».


AS FONTES:
A explicación da súa elección está contida no apartado anterior, polo que me limito a enumerar as fontes empregadas para a realización deste traballo.
«¿Qué es el SIDA?» [en liña] aciprensa.com , 3 de novembro de 2012 <http://www.aciprensa.com/sida/definicion.htm>

«Patógeno» [en liña] enciclopedia.us.es, 3 de novembro de 2012    <http://enciclopedia.us.es/index.php/Pat%C3%B3geno>

«Fundamentos del pensamiento crítico» [en liña] slideshare.net, 3 de novembro de 2012 <http://www.slideshare.net/jcfdezmx5/fundamentos-del-pensamiento-critico-presentation>

«El Informe Crick» [en liña] ciudadania.profes.net, 3 de novembro de 2012 <http://www.ciudadania.profes.net/ver_noticia.aspx?id=9992>

«Una magistrada deja el juzgado harta de las querellas que le llegaban de Telecinco» [en liña] abc.es, 3 de novembro de 2012 <http://www.abc.es/20121030/tv/abci-juzgados-saturados-querellas-salvame-201210301657.html#.UI__SNa0jGY.twitter>

«Síndrome» [en liña] rae.es ,3 de novembro de 2012 <http://lema.rae.es/drae/?val=sindrome>



CONCLUSIÓNS:
Como conclusión principal deste traballo obteño que non podería estar máis de acordo coa opinión do autor, estámonos deixando levar e deixando facer a  aqueles que supostamente lles outorgamos o poder nunhas eleccións e isto pode ser perigoso.

Considero que é misión dos cidadáns loitar polo que lograron con esforzo durante moito tempo e non deben renderse na loita contra a fraude das institucións creadas por eles e para eles. Só así lograremos unha sociedade mellor da que estar orgullosos.

A.V.

lunes, 22 de octubre de 2012


A DOCUMENTACIÓN INFORMATIVA

RESUMO:
Esta investigación aborda diferentes aspectos do ámbito da documentación informativa nos medios de comunicación.
O traballo comeza coa exposición xeral do termo “documentación”, e coa súa posterior vinculación ao mundo da comunicación en xeral e do xornalismo en particular. A continuación, expóñense os principios que marcarán a tarefa de documentación, e que están vinculados á realización dunha información veraz e fiel ós códigos marcados pola deontoloxía xornalística.
En terceiro lugar, abórdanse as características dos feitos de actualidade, que difiren nalgúns aspectos doutros tipos de feitos con menor presenza na información diaria.
Dentro da análise da metodoloxía da documentación, faise fincapé nas funcións desta actividade, grande base de datos na que os xornalistas dos medios poden atopar recursos cos que iniciar, continuar ou complementar as súas informacións. Estes procesos están ampliados no derradeiro apartado, que explica polo miúdo o funcionamento do centro de documentación nos medios de comunicación.

Introdución:
A documentación informativa acompaña o proceso informativo desde o seu plantexamento, xa que axúdalle ao xornalista a buscar as fontes que terán voz na súa peza, apórtalle datos sobre antecedentes e/ou feitos similares e, nos derradeiros chanzos da elaboración da peza, pode aportarlle materiais complementarios como, por exemplo, os materiais gráficos ou audiovisuais.
Ao longo desta investigación, mostraranse algunhas das características da documentación informativa, de grande presenza e tamén grande descoñecemento nos medios de comunicación. Para isto, abordaremos non só as súas características formais senón tamén a súa aplicación no terreo práctico, describindo como é o traballo nos centros de documentación dos medios de comunicación.

1-Definición

documentación. (Do lat. documentatĭo, -ōnis).
1. f. Acción e efecto de documentar.
2. f. Documento ou conxunto de documentos, preferentemente de carácter oficial, que serven para a identificación persoal o para documentar ou acreditar algo.
documentar.(Do lat. documentāre).
1. tr. Probar, xustificar a verdade de algo con documentos.
2. tr. Instruír ou informar a alguén sobre as noticias e probas que atinxen a un asunto.
Estudosos como o catedrático J.L López Yepes definen a Documentación Informativa como “aquela parte da Documentación que ten por obxecto de estudo o proceso de transmisión de fontes para a obtención de novos coñecementos na investigación da comunicación social e no traballo no seo da empresa informativa”.
A Documentación Informativa aporta os coñecementos necesarios para acceder á documentación impresa, sonora e audiovisual, localizar na internet documentación de utilidade, distinguir as diferentes tipoloxías de documentación. En resumo, a Documentación Informativa outorga as claves para poder buscar, clasificar, ordenar, xerar e recuperar información de utilidade.

2-Principios

Segundo Gabriel Galdón López, as tarefas documentais dentro do ámbito xornalístico agrúpanse en dúas vertentes: os “principios teleolóxicos” e os “principios formais e circunstanciais”
1.    Principios teleolóxicos: teñen como principal obxectivo contribuír á elaboración dunha información xornalística verdadeira, intelixible e orientadora, o que serve como orixe a unha serie de novos principios:
a.    Principio verificativo: busca a calidade informativa baseándose na veracidade dos textos e referencias que as pezas informativas conteñen.
b.    Principio explicativo: serve para que a información publicada sexa intelixible para todos os usuarios da publicación na que está contida, independentemente do seu grao de formación.
c.    Principio editorial: a información está determinada polos principios editoriais do medio. Estes principios editoriais non deben entrar en conflito co principio verificativo nin co explicativo.
2.    Principios formais e circunstanciais: parten da definición dada para os principios teleolóxicos de busca dunha información xornalística verdadeira, intelixible e orientadora, e tamén serven como orixe a unha  nova serie de principios:
a. Principio de perdurabilidade: constitúe a razón formal da documentación xornalística, que tenta fixar a utilidade futura dos textos e referencias na elaboración da información.
b.  Principio de adecuación funcional: a documentación está orientada ao tratamento específico que precisa cada tarefa e cada medio documental segundo a súa natureza e función.
c. Principio limitativo: é o conxunto de circunstancias reais da actividade documental xornalística, que condicionan o seu exercicio e o emprego duns medios ou outros. Un destes principios pode ser o factor xeográfico, por exemplo, que condicionará a información que publica un medio segundo o entorno no que ten máis usuarios, o que condicionará a actividade de documentación.

3- Características da información de actualidade

A información de actualidade non é un conxunto multiforme de feitos puntuais que carezan de relación entre si, senón unha complexa rede de causas e efectos constituído polo reflexo das actividades políticas, económicas, sociais e culturais do home.
Félix del Valle Gastamiza, Doutor en Ciencias da Información e Profesor da Universidade Complutense de Madrid distingue dez características inherentes á información de actualidade:
1.  Coincidencia episódica: as mesmas noticias son ofrecidas por todos os medios diarios nas mesmas datas. Este fenómeno está causado pola dependencia dos medios das axencias.
2. Redundancia cíclica: a actividade xornalística céntrase na cobertura dos feitos contemporáneos. Determinados acontecementos teñen unha frecuencia diaria (os cambios na bolsa), outros semanal (reunión do consello de ministros), outros mensual, anual, etc. o que os fai previsibles para o proceso de documentación.
3.  “Efecto Mateo”: este nome ven determinado pola sentenza “Moitos son os chamados, poucos os escollidos”, recollida no Evanxeo segundo San Mateo. Aplicada á documentación quere dicir que unhas poucas personaxes polarizan o interese dos medios e aparecen nomeados en moitas noticias (un Xefe de Estado, por exemplo) en contraposición con outra inmensa maioría que aparecen citados con escasa frecuencia, co consecuente desequilibrio no que respecta ao tratamento da información relativa ás persoas.
4.  Multiplicidade de soportes: a información de actualidade pode materializarse en teletipos, noticias impresas, comunicados de prensa, gravacións radiofónicas, materiais audiovisuais, etc.
5.  Fragmentación da mensaxe: as mensaxes informativas transmítense fragmentadas, segundo o ritmo de captación dos acontecementos, xa que uns feitos chegan a coñecemento dos medios cunha temporalidade diferente doutros.
6.  Latencia: en principio, a información de actualidade caduca mais calquera feito pode reabrirse e pode devolver o protagonismo ás personaxes e os feitos independentemente da súa antigüidade.
7. Documentos compostos: textos con fotografías e gráficos, por exemplo, plantexan dificultades no que respecta á organización documental e o deseño das ferramentas de recuperación documental.
8.  “Lei do mínimo esforzo”: a cotío adóitase traballar cun tempo moi reducido, o que moitas veces fai que o tratamento da información que se elabora presente unha calidade inferior.
9. Estratificación de usuarios e usos: trabállase para usuarios de especialización e obxectivos moi diferentes polo que a información elaborada (a non ser que se trate de publicacións especializadas), debe estar adaptada a calquera tipo de lector.
10. Relatividade de significado: os documentos xornalísticos mudan de significado en distintos contextos e baixo as distintas interpretacións dos usuarios, o que os fai polivalentes. Esta relatividade de significado é especialmente relevante na información audiovisual, xa que a miúdo se empregan recursos como as “imaxes de arquivo”.
Outra das características que se podería incluír é a da omisión, xa que a practica totalidade de pezas xornalísticas omiten información, xa sexa de xeito voluntario ou involuntario.

4- Funcións

Posto que estamos a falar de Documentación Informativa, esta ten como finalidade principal servir de base para investigacións encamiñadas á información da cidadanía, por tanto, ten a súa razón de ser en base a catro procesos principais: valoración da información atopada, selección dos extractos máis relevantes, clasificación e arquivo para a posterior elaboración das pezas informativas e/ou o afondamento nas investigación levadas a cabo polos medios ou os xornalistas.
As funcións máis importante que desempeña a Documentación Informativa poden ser:
  •          O seu papel no proceso de produción de información: hoxe en día, a grande maioría de profesionais da comunicación emprega a Documentación para xerar información nova que os leve ao inicio dos feitos e a mellores fontes. A Documentación é unha ferramenta que axuda a potenciar a posibilidade de información.
  •          A Documentación contribúe á mellora da calidade e credibilidade da información. Un proceso ben documentado fará que este sexa fiable. Como hoxe en día case todo o mundo ten acceso rápido á información calquera erro na documentación fará que o usuario se decate de xeito case inmediato, co risco de que mude a nosa oferta informativa por outra.
  •           A información obtida no proceso de documentación pode ser almacenada e conservada, xa non só en formatos físicos (bibliotecas, hemerotecas...) senón tamén en formatos dixitais, grazas ás posibilidades que abriu o mundo da informática. O que se debe ter sempre en conta, empreguemos o formato que empreguemos, é que os diferentes documentos deben estar correctamente etiquetados, de xeito que sexa posible a súa rápida identificación.
  •          Difusión e reutilización: calquera información ben documentada e almacenada poderá ser empregada no futuro, ben por nós mesmos ou por outros interesados. A reutilización da documentación é unha das bases da primeira función que viamos: a súa importancia no proceso de produción da información. 

5- Finalidade

Como finalidade principal, podemos dicir que a documentación pretende crear un cadro lóxico no que rexistrar e clasificar as ideas e os documentos recollidos para poder atopalos rapidamente en caso de necesidade. É un rexistro material que substitúe e complementa ao mesmo tempo o rexistro memorístico.


6- O centro de documentación dun medio: funcións, características e fins.

O centro de documentación dun medio é unha ferramenta na que os xornalistas poden atopar toda a información da que dispón un medio, así como recursos para complementar esas informacións, clasificada para maior accesibilidade. A principal finalidade do centro de documentación é a de servirlle aos xornalistas do medio para completar as investigacións que realizan, observando antecedentes de feitos similares, por exemplo. Grazas á documentación tamén poden obter recursos cos que complementar as informacións elaboradas.
Segundo María Eulàlia Fuentes i Pujol, o centro de documentación dun medio cumpre tres funcións básicas:
  •     Proporcionar fontes concretas para poder comprobar rapidamente un dato
  •     Ter materiais suficientes para situar os distintos temas nun contexto.
  •     Actuar como fontes de inspiración, ben para novas ideas ou novos enfoques sobre temascoñecidos que se axustan ás peticións concretas dos usuarios principais destes servizos, os xornalistas.


Mapa conceptual:
 -Resumo

-Introdución

1-Definición
  •          “documentación”
  •          “documentar”
  •          Definición dos estudosos

2-Principios das tarefas documentais
-Teleolóxicos
  •         Verificativo
  •          Explicativo
  •          Editorial

-Formais e circunstanciais
  •          Pluralidade
  •          Adecuación funcional
  •          Limitativo

3-Características da información de actualidade (segundo Félix del Valle Gastamiza)
  •          Coincidencia episódica
  •           Redundancia cíclica
  •          “Efecto Mateo”
  •          Multiplicidade de soportes
  •          Fragmentación da mensaxe
  •          Latencia
  •          Documentos compostos
  •          “Lei do mínimo esforzo”
  •          Estratificación de usuarios e usos
  •          Relatividade de significado
  •          Omisión

4-Funcións
  •         Servir de base a investigacións encamiñadas a informar a cidadanía.
  •         Papel importante no proceso de produción da información
  •        Mellora da calidade e credibilidade da información.
  •          A información obtida pode ser conservada e almacenada.
  •          Difusión e reutilización da información

5-Finalidade: clasificación das ideas e datos recollidos nas investigacións, no contacto coas fontes, etc. para que sexan empregados en futuros traballos xornalísticos.

6-O centro de documentación dun medio.
  •          Proporciona fontes concretas e de rápido acceso
  •          Ten materiais suficientes que axudan na contextualización dos feitos.
  •          Actúa como fonte de inspiración cara a novos traballos xornalísticos.

A.V.




lunes, 1 de octubre de 2012

Mirada ao "25-S".

Pasou case unha semana e "arrefriouse" un pouco a situación vivida o pasado 25 de setembro nas rúas próximas ao Congreso dos Deputados, en Madrid.

Para  a elaboración desta tarefa expóñense cuestións como "que aconteceu?", cuestións que poden obter un alto número de respostas, en función do ángulo desde o que se observe.

O meu punto de vista particular é que un amplo número de cidadáns exerceu o seu dereito a manifestar as súas opinións, neste caso o desexo dunha democracia mellor, o remate das políticas agresivas contra os cidadáns ou a esixencia dunha clase política máis "limpa" por expresar dalgunha maneira a necesidade de rematar coa corrupción ou as altas retribución destas personaxes.

Esta concentración que levaba por nome "rodea o Congreso" pretendía facerlles chegar aos gobernantes as peticións dunha parte da cidadanía mais estas peticións foron silenciadas por un dos múltiples métodos cos que conta o Estado Español (neste caso): as forzas de seguridade, máis concretamente a Policía Nacional.

A Policía Nacional xogou o difícil papel de arrementer contra os seus iguais (xa que, no fondo todos somos persoas) tal e como lle ordena o poder (na concentración que nos ocupa este papel interpretouno a Delegación do Goberno en Madrid). A Policía Nacional cumpre en moitas ocasións o papel de salvadora (o narcotráfico, loita contra bandas organizadas e outros moitos exemplos) mais, noutras, convértese no inimigo, cando empregan a violencia para silenciar as pretensións daqueles que, co seu traballo diario, os manteñen a fin de mes. O pasado martes, os axentes recibiron ordes de disolver a manifestación que a algúns non lles conviña xa que "perxudicaba a 'marca España'", xa está bastante danada polo deficiente "traballo" dos nosos "representantes" e así o fixeron, comezaron a golpes con todo aquel que tentaba berrar demandando un futuro mellor do que parece que imos ter.

Non quero esquecerme tamén dos catro insociables presentes en todos os sitios, que nesta ocasión non faltaron tampouco. É envexable a valentía da xente que deixa a voz para lograr o que considera mellor para a sociedade pero é lamentable a actitude daqueles que se dedican a facer que estes nobres actos rematen nunha batalla. Nesta ocasión tamén houbo manifestantes violentos, pero non merecen nin unha letra máis.

Así e todo, e a modo de conclusión, dame mágoa vivir nun país no que acontece isto. Pode que a crise económica, os roubos dos políticos e a súa insolidariedade danen a nosa imaxe no exterior mais, o que de verdade nos fai dano é que nos vexan loitar como salvaxes.

A.V.



miércoles, 19 de septiembre de 2012

Debate. As eleccións galegas.

A continuación, presento unha proposta de guión para un posible debate sobre as eleccións galegas, que chegan cargadas de temas interesantes como divisións dentro dalgúns partidos ou o desgaste que a situación económica pode chegar a exercer para os diferentes líderes da nosa Comunidade Autónoma.

1)O motivo do adianto electoral

  • Exame á xestión de Alberto Núñez Feijóo e o seu Goberno.
  • Pode o adianto electoral derivar dunha previsión de empeoramento da situación económica en España e Galicia?
2)Desgaste da dereita pola xestión da crise
  • Pola xestión a nivel estatal
  • Pola xestión en Galicia
3)PSdeG-PSOE
  • Divisións internas
    • Cancelación das primarias
    • Aparente falta de cohesión no seo do partido
4) O nacionalismo galego
  • Situación do BNG logo das escisións acontecidas nos últimos meses
  • Coalición Beiras-EU
  • Compromiso por Galicia
    • Eleccións primarias abertas á cidadanía para a escolla dos candidatos
5)Mario Conde, a incógnita
  • Logrará o apoio necesario para obter representación coa estratexia de desmarcarse de todo o que leve o adxectivo "político"?
  • Calará o seu ideario de unión nacional no pobo galego?
6) Previsións electorais
  • Nova maioría absoluta?
  • Posibles coalicións